Wednesday, May 18
Co gallo do Día das letras Galegas vou comentar un libro que lin fai uns anos cando o mandaron ler ó meu fillo no Instituto.
"Conta Saldada" é unha novela autobiográfica, contada en primeira persoa por unha adolescente, Catuxa, que é a protagonista.
O tema da obra non é orixinal, está tomado dunha das obras mestras da literatura universal, "Hamlet" de Shakespeare, á que fai repetidas referencias ó longo da novela, pero está tratado dun xeito completamente diferente que a encadra dentro da novela policiaca moderna.
Narra a historia dunha rapaza á que se lle aparece seu pai ó pouco de morrer e revélalle que non se suicidara, senón que foi asasinado por un cliente ó que xestionou mal o seu diñeiro e perderao.
Tamén lle revela que ten un fillo con outra muller, para que o buscase e lle dea parte do herdo.
A partir de aquí desenrólase a novela onde Catuxa vai vingar a morte do seu pai coa axuda do seu "medio irmán", que ó final descubrirase que non é tal.
A acción desenrólase nun pasado moi próximo, o longo de vintesete capítulos. Catuxa cóntanos o que sucede dende a aparición do seu pai ata que vinga a súa morte. O capítulo vinteoito volve ó tempo real, co cal o final queda aberto, non sabemos se a policía vai descubrir os asasinatos e a implicación dos protagonistas, se estes van seguir véndose e terminan sendo bos amigos ou o qué sucederá despois. É unha novela pois que admite continuación. A obra mantén a emoción, a tensión e a intriga dende o principio ó final por medio de varios recursos como o de avisar os lectores no prólogo que abandonen a lectura se teñen medo dos aparecidos, o que acrecenta a interese por saber o que vai suceder, ou retrasar intencionadamente a consumación da vinganza para crear maior intriga.
En canto á linguaxe denótase a diferente proveniencia social das duas personaxes e a súa visión da vida contraposta, a linguaxe de Catuxa ainda que propio dunha adolescente é máis culto, nembargantes, Xermán utiliza unha linguaxe vulgar propio dos barrios pobres anegada de palabróns e deixa aflorar a súa incultura con comentarios como "Santo Tomás de Quino" en vez de Aquino.
As personaxes proceden de dúas clases e ambientes sociais diferentes, o que se reflexa no seu comportamento e personalidade.
Catuxa é de clase media á que non lle falta de nada, é boa estudiante e culta. Xermán, por outra parte, é un rapaz de barrio de clase baixa, mal estudiante, maleducado, malfalado e con pouca cultura.
Catuxa é a narradora da historia; decide vingar o seu pai axudándose de Xermán. Dáse unha identificación co príncipe danés Hamlet que está na súa mesma situación, incluso o seu apelido Castro correspóndese con Hamlet en danés segundo lle dixera súa nai e Xermán refírese a ela como "princesa". Pero Catuxa non é tan irresoluta como o príncipe, ten máis decisión e non vai demorar a súa vinganza.
Nembargantes o medo e a angustia lle embargan e isto déixase sentir fisicamente, comézalle a doer a tripa e debe ir irremediablemente ó baño.
Catuxa recorre ás mentiras para levar a cabo os seus propósitos, ó principio resultalle difícil pero despois xa lle saen sen esforzo e van indicando a súa transformación; ó final, a rapaza é unha nova persoa, a súa vida cambiou por completo, aínda que finxa seguir sendo a mesma e poñer interese nos seus estudios. A súa amiga Begoña é a máis consciente deste cambio e pensa que dalgunha forma fora traizoada.
Xermán dende que apareceu na obra podéselle considerar como coprotagonista. É a posición realista e representa a actitude crítica na obra. Anque ó principio, son moi diferentes pouco a pouco vanse acercando e aceptándose o un ó outro. O rapaz é fiel a Catuxa e non lle falla cando necesita a súa axuda, arríscase desinteresadamente olvidándose da recompensa prometida de cinco millóns de pesetas.
O libro gustoume porque lévate a reflexionar; estes rapaces transguediron unha serie de normas e leis coma o de conducir sen carné e portar armas brancas e de fogo e, finalmente, acaban asasinando.
Actuaron de forma irreflexiva e irresponsable e non acadaron nada positivo, soamente o sentirse mal, ter remordimentos e non voltar a ser os mesmos. Perderon a inocencia, superaron a adolescencia dunha forma tráxica.
Un punto feble da obra é o tema dos aparecidos, nunha novela moderna Catuxa debeu enterarse por outro medio do asasinato do seu pai, pero de ser así a similitude ca obra de Shakespeare desaparecería.
0 comentarios:
Post a Comment